sábado, 15 de xuño de 2013

O portal das palabras

A RAG e a Fundación Barrié acaban de presentar o Portal das Palabras, un novo espazo na rede para difundir o léxico galego. Esta páxina web ofrece moitos recursos (vídeos, xogos, didáctica...) vinculados á lexicografía galega. Pero o mellor do portal é que cada semana publicarán novos contidos. Todos os días se propoñerá unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Se queredes coñecer todas as novidades aconséllovos que esteades conectados aos espazos da páxina nas redes sociais.       

Ademais podedes consultar unha versión actualizada do dicionario da RAG (con mellores motores de busca, con buscador de sinónimos, cunha listaxe de termos relacionados coa palabra que se procura...) . Segundo Antón Santamarina, “non se tratou de facer un dicionario dun autor, ou dunha editorial, senón que é un dicionario que presenta os termos máis necesarios para comunicármonos, partindo dos usos reais, recollidos de corpus literarios, xornalísticos e orais, e escollendo as palabras propostas entre as variantes dialectais máis estendidas. Neste tipo de dicionarios non pode estar toda unha lingua”.

E o dicionario da RAG conta agora con APP para descargar as aplicacións
para aparatos con sistema iOS (iPhone, iPad e iPod touch) e Android (móbiles e tablets). En definitiva, o obxectivo do Portal das Palabras é difundir o léxico galego e, tamén, algo non menos interesante: achegarlle a Real Academia Galega aos galegos.