venres, 21 de febreiro de 2014

O proxecto internacional 'Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués'

 

O xoves 20.02.2014 participaron Francisco González (vicerreitor de Investigación e Innovación), Rosario Álvarez Blanco (coordinadora do proxecto), Ernesto González Seoane (director do Instituto da Lingua Galega da USC), e Xulio Sousa Fernández ( coordinador do Comité galego do equipo) na presentación e descrición das características do proxecto.
 
ESTREA Dende a esquerda, Álvarez Blanco, González García e Glez. Seoane.  - FOTO: A. Hdez.O 'Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués' é unha base de datos léxica que permite o acceso rápido e cómodo a información contida en traballos de léxico dialectal de galego, portugués de Portugal e portugués do Brasil. Neste proxecto colaboran investigadores do ILG e equipos de varias universidades de Brasil e Portugal.

Desde o ano 2009, o proxecto internacional 'Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués' traballa no rexistro e integración nun único banco de datos dun amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros con referenciación xeográfica concreta das voces contidas neles. Estes datos están dispoñibles de xeito libre e gratuíto nun corpus dixital accesible para todas as persoas interesadas.  O Tesouro contribúe aos estudos etnográficos destes tres países.

A base deseñada permite consultar de maneira sinxela a información completa contida en obras lexicográficas e dialectais que non sempre son de fácil acceso para os investigadores. A información das fontes orixinais ofrécese completa e organizada (achéganse as variantes, os lemas, a clasificación semántica e mais a localización) e proporciónase tamén unha representación cartográfica da distribución xeográfica das formas.

Se desexas facer buscas na base podes levalas a cabo a partir das formas léxicas (variantes ou lemas), da localización (Galicia, Portugal e Brasil) ou do campo semántico co que se asocian. Este proxecto recompila os datos un total de 112 obras, 8 de Brasil, 49 de Galicia e 55 de Portugal, o que xunta 155 676 rexistros, 44 365 lemas e 71 422 variantes.
  

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias

O Consello da Cultura Galega presentou o 14.01.2014 o libro Contacto de
linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias. Esta obra foi coeditada co Instituto da Lingua Galega e aborda a relación do galego coas outras linguas do seu contorno.
Na presentación estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega e dous dos editores do libro: Henrique Monteagudo e Gabriel Rei Doval.

Henrique Monteaguro destacou a fortaleza do galego na convivencia con outras linguas: é certo que o castelán inflúe sobre o galego, pero tamén o galego inflúe sobre o castelán. Os editores afirmaron ademais que na situación lingüística actual de Galicia cómpre ter presente o contacto entre o galego e o castelán.

O libro pertence a unha colección de dez volumes e nel diferentes especialistas analizan fenómenos como o purismo lingüístico, o neofalantismo, o castrapo... Este volume recolle as achegas que se fixeran ao Simposio ILG 2010. Entre os redactores do volume destaca a presenza de Eva Gugenberger, María Álvarez de la Granja, Belén López Meirama, Dante Lucchesi, Marta Negro Romero, Xosé A. Álvarez Pérez, Fernando Ramallo, Gabriel Rei-Doval, Francisco Dubert, Eva Fernández...
Se queres podes descargar o libro na mediateca do Consello da Cultura Galega. Preme aquí.

venres, 15 de novembro de 2013

O dominio .gal para a lingua e cultura galegas

A corporación que goberna os enderezos da internet denomínase ICANN e acaba de asinar o contrato de creación do dominio .gal coa Asociación PuntoGal. Este feito implica a culminación de sete anos de traballo nos que a sociedade galega se uniu para acadar un distintivo de máximo nivel na rede.

Neste momento a Asociación PuntoGal inicia unha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de dominios que se conta que se leve a cabo a principios do ano que vén. Así as páxinas web identificaranse cun sufixo .gal e isto contribuirá a darlle máis prestixio á nosa sociedade, cultura e lingua na internet e mesmo podería contribuír ao seu posicionamento na web.

Deste xeito, a proposta galega para conseguir un dominio para a lingua e cultura galegas xa non é unha candidatura, senón que xa contamos cun operador dun dominio da internet. No que atinxe ao plano económico o .gal tamén servirá para que parte dos cartos que actualmente se destinaban a outros dominios como o .com ou o .net queden no noso país e favorezan a nosa sociedade, xa que a Asociación PuntoGal é unha entidade sen ánimo de lucro, que reinvestirá os seus beneficios en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

Parabéns para PuntoGal e para todos os galegos/as!

luns, 14 de outubro de 2013

Os días 4, 5, 6 e 7 de novembro terá lugar no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela o seminario Superación de interferencias gramaticais e léxicas no galego xurídico.

Ao final deste seminario expedirase un certificado de asistencia ao alumnado que estivese presente en máis dun 75% dos relatorios. Se vos parece interesante, e queredes asistir, tedes toda a información (programa, ficha de inscrición...) na seguinte ligazón:
http://www.icasantiago.org/spip.php?article267



xoves, 26 de setembro de 2013

Hoxe, 26 de setembro, quero unirme ao Consello de Europa para festexar o Día Europeo das Linguas, e para manifestar os meus desexos de que se promova a diversidade lingüística de Europa e se fomente o plurilingüismo entre a cidadanía. En 2001 tivo lugar, por primeira vez, a celebración deste día. Animo á cidadanía galega e ao meu alumnado a celebrar a riqueza cultural que nos proporciona o galego!
Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa empurran a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.

Europa defende a diversidade lingüística. O galego forma parte desta diversidade lingüística xa que dispón do status de lingua propia de Galicia.

sábado, 15 de xuño de 2013

O portal das palabras

A RAG e a Fundación Barrié acaban de presentar o Portal das Palabras, un novo espazo na rede para difundir o léxico galego. Esta páxina web ofrece moitos recursos (vídeos, xogos, didáctica...) vinculados á lexicografía galega. Pero o mellor do portal é que cada semana publicarán novos contidos. Todos os días se propoñerá unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Se queredes coñecer todas as novidades aconséllovos que esteades conectados aos espazos da páxina nas redes sociais.       

Ademais podedes consultar unha versión actualizada do dicionario da RAG (con mellores motores de busca, con buscador de sinónimos, cunha listaxe de termos relacionados coa palabra que se procura...) . Segundo Antón Santamarina, “non se tratou de facer un dicionario dun autor, ou dunha editorial, senón que é un dicionario que presenta os termos máis necesarios para comunicármonos, partindo dos usos reais, recollidos de corpus literarios, xornalísticos e orais, e escollendo as palabras propostas entre as variantes dialectais máis estendidas. Neste tipo de dicionarios non pode estar toda unha lingua”.

E o dicionario da RAG conta agora con APP para descargar as aplicacións
para aparatos con sistema iOS (iPhone, iPad e iPod touch) e Android (móbiles e tablets). En definitiva, o obxectivo do Portal das Palabras é difundir o léxico galego e, tamén, algo non menos interesante: achegarlle a Real Academia Galega aos galegos.


 

luns, 6 de maio de 2013

Gústame, gústache?

 
 
O pasado luns 29.04.2013 comezou a recollida de lemas, a través de Twitter e Facebook, da campaña Gústame o galego.

Esta campaña naceu do viveiro de proxectos da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e está percorrendo diferentes lugares de Galicia.

Se algo define esta campaña é o seu ton positivo. Ademais pretende fotografar as demandas e os desexos de galegos e galegas verbo da normalización do uso da lingua.


Se queredes participar, e estades en Santiago de Compostela o próximo 17 de maio, podedes facervos unha foto co voso lema preferido. Daquela, apuntade na vosa axenda:

Día:  Día das Letras Galegas
Lugar: praza do Toural
Hora: de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h (se chove, a xornada de tarde trasladarase ao Auditorio de Galicia).


As vosas fotos poderedes velas en Facebook: https://www.facebook.com/gustameogalego

Nesa ligazón podedes tamén votar os lemas que máis vos gustan. Veña... creamos o noso lema Gústame? Ide cavilando nun lema, logo apuntámolos e votámolos na clase e... a ver cal é o lema gañador. Haberá premio!