O xoves 20.02.2014 participaron Francisco González (vicerreitor de Investigación e Innovación), Rosario Álvarez Blanco (coordinadora do proxecto), Ernesto González Seoane (director do Instituto da Lingua Galega da USC), e Xulio Sousa Fernández ( coordinador do Comité galego do equipo) na presentación e descrición das características do proxecto.
Desde o ano 2009, o proxecto internacional 'Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués' traballa no rexistro e integración nun único banco de datos dun amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros con referenciación xeográfica concreta das voces contidas neles. Estes datos están dispoñibles de xeito libre e gratuíto nun corpus dixital accesible para todas as persoas interesadas. O Tesouro contribúe aos estudos etnográficos destes tres países.
A base deseñada permite consultar de maneira sinxela a información completa contida en obras lexicográficas e dialectais que non sempre son de fácil acceso para os investigadores. A información das fontes orixinais ofrécese completa e organizada (achéganse as variantes, os lemas, a clasificación semántica e mais a localización) e proporciónase tamén unha representación cartográfica da distribución xeográfica das formas.
Se desexas facer buscas na base podes levalas a cabo a partir das formas léxicas (variantes ou lemas), da localización (Galicia, Portugal e Brasil) ou do campo semántico co que se asocian. Este proxecto recompila os datos un total de 112 obras, 8 de Brasil, 49 de Galicia e 55 de Portugal, o que xunta 155 676 rexistros, 44 365 lemas e 71 422 variantes.