A corporación que goberna os enderezos da internet denomínase ICANN e acaba de asinar o contrato de creación do dominio .gal coa Asociación PuntoGal. Este feito implica a culminación de sete anos de traballo nos que a sociedade galega se uniu para acadar un distintivo de máximo nivel na rede.
Neste momento a Asociación PuntoGal inicia unha serie de probas técnicas obrigatorias
antes da apertura do rexistro de dominios que se conta que se leve a cabo a principios do ano que vén. Así as páxinas web identificaranse cun sufixo .gal e isto contribuirá a darlle máis prestixio á nosa
sociedade, cultura e lingua na internet e mesmo podería contribuír ao
seu posicionamento na web.
Deste xeito, a proposta galega para conseguir un dominio para a lingua e cultura galegas xa non é unha candidatura, senón que xa contamos cun operador dun dominio da internet. No que atinxe ao plano económico o .gal tamén servirá para que parte dos cartos que
actualmente se destinaban a outros dominios como o .com ou o .net queden no noso país e favorezan a nosa sociedade, xa que a Asociación PuntoGal é
unha entidade sen ánimo de lucro, que reinvestirá os seus beneficios en
fomentar o galego nas novas tecnoloxías.
Parabéns para PuntoGal e para todos os galegos/as!
Ningún comentario:
Publicar un comentario