En setembro de 2011 empezaban a impartirse os cursos de linguaxe administrativa e xurídica do nivel medio na modalidade de teleformación. Ao ano seguinte (setembro de 2012) comezaba unha nova xeira na autoformación en galego, pero agora esta modalidade de cursos en liña ampliábase e ofertábase tamen para o nivel superior.
Un mes despois (outubro de 2012), a Secretaría Xeral de Política Lingüística colgaba na súa páxina web e en aberto os cursos de teleformación do nivel medio e axiña poderiamos tamén consultar os contidos teóricos, as prácticas de autorresolución e os recursos bibliográficos destes cursos no nivel superior. Segundo se indica nesta páxina, trátase de recursos autoformativos dirixidos a que o persoal das administracións mellore a súa competencia lingüística en linguaxes específicas galegas.
O 08.04.2013 comezaron os cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración autonómica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na modalidade presencial. Neste sentido, quero destacar que é a primeira vez en que os docentes e o alumnado de cursos presenciais poderemos botar man desta ferramenta. Invítovos a que habitualmente entredes nos difererentes contidos dos bloques de gramática, redacción e estilo, léxico, contorno, documentación e lingua oral.
A escolla dos recursos (na marxe superior esquerda) tamén é moi atinada. Ademais de bibliografía básica tamén conta coa hemeroteca e coa videoteca, poderedes tamén coñecer a lexislación xeral e mais lingüística e resolver as dúbidas de léxico se consultades acotío os dicionarios, vocabularios, compilacións e glosarios que se vos recomendan na plataforma virtual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario