martes, 16 de abril de 2013

O bUSCatermos


O bUSCatermos é un dos recursos lexicográficos máis amplo da nosa lingua. Trátase dunha base de datos de terminoloxía técnica multilingüe en liña que elaborou a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta completa base de datos achega información acerca de máis de 155 000 conceptos vinculados a diferentes áreas especializadas: historia, xeografía, ciencias da saúde, dereito, zooloxía, botánica... Ademais das denominacións en galego, ofrécense as denominacións en castelán, en inglés e mais en portugués.

Ata o 01.10.2012 o bUSCatermos funcionaba en pechado para os membros desta comunidade universitaria, pero desde esa data toda a cidadanía pode consultar esta completa base de datos terminolóxica grazas a un convenio da USC coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Xa hai 6 meses que este banco de termos é de consulta libre: calquera persoa con acceso á internet pode consultar toda a información desta base de datos dotada de 450 000 denominacións nas diferentes linguas.

Segundo os datos que achega Xusto A. Rodríguez Río (responsable da área de terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC), neste primeiro semestre de utilización producíronse un total de 5 704 visitantes únicos, que realizaron 13 803 sesións de consulta e accederon a
56 991 páxinas.

Esta ferramenta é un dos recursos máis amplos que existe para a lingua galega. Cada entrada adscríbese a unha área temática, achégase a definición e as fontes das que se tira esta información. Recoméndovos que consultedes acotío este recurso para solucionardes as vosas dúbidas de léxico. O bUSCatermos pode ser útil para calquera persoa que busque mellorar a calidade lingüística dos seus textos en galego e mesmo noutras linguas.

Xa veredes como o bUSCatermos facilita o emprego do galego na vosa actividade profesional. Estou segura de que vos vai axudar a mellorar a calidade e a precisión dos documentos que elaboredes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario