sábado, 6 de abril de 2013

A nosa bitácora

Esta bitácora tentará ser unha ferramenta de traballo para proporcionarlle recursos ao meu alumnado dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica e a calquera que estea interesado por esta materia.

Este luns, 08.04.2013, comeza unha nova quenda de cursos de linguaxe administrativa na Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela. Titorizarei un curso presencial e espero que empreguemos acotío esta bitácora dixital para enriquecernos mutuamente.

Intentarei publicar os recursos que me parezan que poden ser do voso interese (segundo, por exemplo, onde traballedes). En canto aos cursos de teleformación, tamén vou procurar que sexa unha ferramenta que usen os meus telealumnos.

Ademais, e de cando en vez, quero propoñervos algún xogo/enigma/debate para que non pensedes que os docentes de galego e os filólogos somos moi gramaticalistas e serios. Esta materia é ben divertida... xa veredes como lle damos á lingua!

O meu bloque de contidos favorito nestes cursos é o de redacción. Redactar é fundamental para que se estableza unha boa comunicación (recoméndovos La cocina de la escritura de Daniel Cassany), algo que na linguaxe administrativa moitas veces non se produce. O outro día chegoume unha comunicación do meu banco que tiven que ler tres veces e, finalmente, non entendín. Total, que xa pasarei polo banco para preguntar o que pretendían comunicarme.

E agora, veña, esquecede que traballades como persoal da administración e poñédevos do lado do administrado. Reflexionade se algunha vez tivestes problemas para entenderdes algún documento que procedía da administración local, autonómica ou estatal.

E aí vai a miña primeira pregunta: parécevos unha actuación democrática que a administración non se comunique coa cidadanía de xeito eficaz? Por que?

2 comentarios:

  1. Benvida ao mundo virtual, Bego! Anoto o teu blogue para seguilo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, Luz,

      Isto de ter tempo é o que ten... empezas a argallar por aquí e por alá. Creo que me vai ser moi útil para os cursos.

      Eliminar